Point of View prepara tablets económicos con Windows 8.1

luns, 23 de xuño do 2014 Marcus Fernández

A compañía holandesa Point of View, con bastante presencia no noso mercado, pretende sacar unha boa parte do mercado dos tablets a partir de mediados de xullo, xa que prepara o lanzamento de 3 novos dispositivos que prometen ser moi atractivos para os consumidores polos seus prezos axustados. Estamos ante novos tablets con procesadores Intel Atom Z3735 de catro núcleos a 1,83 GHz, Wi-Fi N e Bluetooth 4.0, que funcionan con Windows 8.1 (incluíndo un ano de Microsoft Office 365) que poden resultar de grande utilidade para usos de produtividade e que poderiamos velos como os máis dignos herdeiros o oco que deixaron os netbooks.
Estes equipos teñen como referencia o Mobii WinTab 1000BW, un tablet con pantalla IPS de 10 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, cámaras de 2 Mpíxeles, micro USB, mini HDMi, lector de tarxetas micro SD, batería de 6.000 mAh, un grosor de 9,8 milímetros e un peso de aproximadamente 650 gramos, que chegará ao mercado a un prezo de 249 euros; mentres que o seu modelos superior, o Mobii WinTab 1000W, que conta con 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno e GPS, detalles que incrementan o seu prezo só até os 269 euros.
Pero o produto máis rechamante dos que prepara Point of View parece que será o Mobii WinTab 800W, que vén a ser coma o WinTab 1000BW, pero cunha pantalla de 8 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, batería de 4.500 mAh, un grosor de 8,75 milímetros e un peso de 400 gramos, que consegue conter o seu prezo nos 169 euros, o que pode resultar moi atractivo para que precise dun tablet compacto capaz de correr aplicacións de escritorio (o que podería facerse comodamente conectando o equipo a unha pantalla, un teclado e un rato).

PUBLICIDADE