Pokémon GO chega aos smartphones nos antípodas

mércores, 6 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Comezou a febre! O xogo móbil Pokémon GO está a botar a andar nun lanzamento progresivo para evitar a sobrecarga dos seus servidores, e así esta importante aposta de Nintendo desenvolvida conxuntamente con Niantic (compañía que fixo o popular xogo de realidade aumentada Ingress) pode descargarse dende a App Store australiana (e neocelandesa) e de Google Play (de xeito limitado xeograficamente) de xeito que estaríase a probar a plataforma na que se executa estre xogo en liña que permite levar a captura de criaturas Pokémon ao mundo real.
Sobra dicir que non son poucos os impacientes que están a descargar o xogo dende fontes non oficiais, co risco que iso supón, de aí que dende The Pokémon Company recomenden aos usuarios agardar un chisco ao lanzamento do xogo nos seus respectivos mercados
Pokémon GO é un xogo que podemos instalar de balde, e no que podemos capturar Pokémon en función da nosa localización xeográfica (adquirida a través do GPS do móbil) e que para facer máis realista o xogo fai que as criaturas que atopemos poidan verse representadas na pantalla do smartphone sobre o escenario captado pola cámara do móbil, ou sexa, integradas na realidade na liña do que xa podiamos ver en xogos como o español Invizimals.
O xogo conta cunha moeda de seu, o Pokecoins, que poden conseguirse dentro do xogo, pero que fai moi lento o progreso, de aí que poidan adquirirse mediante pagamentos con cartos reais, en lotes que custan entre 0,99 e 99,99 euros polo que unha vez máis habería que advertir aos proxenitores de configurar de xeito seguro os seus dispositivos móbiles cando deixen que os empreguen os seus pequenos se queren evitar desagradables sorpresas.
Outro detalle salientable é que este xogo fai un uso intensivo da pantalla, a cámara, GPS e outros sensores, polo que o seu consumo de batería pode ser moi esaxerado (elemento considerado como a principal eiva dos xogos tipo Ingress) polo que cómpre advertir de que considérase unha axeitada configuración da precisión do GPS para mellorar aa autonomía do smartphone (xa que é razoable pensar que non se precisa da mesma precisión para guiarnos pola estrada que para cazar ficticios Pokémon no mundo real).

Pese a non estar dispoñible oficialmente en España, o xogo xa está localizado a varias linguas, polo que só queda esperar a que Nintendo escale os seus servidores para que o xogo poida soportar unha carga masiva de xogadores

PUBLICIDADE