Pokémon GO esfórzase para poder continuar o seu espallamento internacional

martes, 2 de agosto do 2016 Marcus Fernández

O xogo Pokémon GO continúa a estar de máxima actualidade, en boa medida por mor da actualización lanzada a pasada fin de semana, que non só mellorou a estabilidade da aplicación e eliminou as pegadas que indicaban a proximidade dos Pokémon no contorno do usuario, senón que tamén acompañou a certas medidas de seguridade bastante polémicas, como pechar a billa a certas aplicacións de terceiros como os mapas que xurdiran na Rede e que permitían saber por onde se movían os Pokémon (facilitando a súa captura). Os responsables do xogo saíron finalmente á palestra e detallaron que a eliminación das pegadas responde a que esta funcionalidade non resultou tan efectiva como debería (os usuarios non souberon entendela ben) e inciden no feito de que as aplicacións de terceiros estaban a provocar problemas de saturación, dificultando que podan conseguir estabilizar os seus sistemas para así poder continuar a espallarse internacionalmente.
Actualmente Pokémon GO só está dispoñible nuns 35 países, e precisamente un dos países en espera e o Brasil, o que resulta especialmente molesto nestas datas, nas que están a piques de celebrarse os Xogos Olímpicos, e xa houbo varios atletas queixándose de que ao chegar á Vila Olímpica non puideron continuar a gozar do célebre xogo móbil, xa que o territorio no que están é un ermo no que a criaturas Pokémon se refire. Aínda que en moitos países é posible xogar a Pokémon GO empregando contas de usuario estranxeiras, hai territorios nos que o xogo non se implementou de ningún xeito, polo que non serve de nada ter o xogo instalado.
Pese a que Niantic non deu datos concretos relativos ás descargas, dende App Annie aseguran que o xogo xa superou os 100 millóns de instalacións, estimando que os seus ingresos diarios en iOS e Android é de máis de 10 millóns de dólares, o que é unha cantidade bastante interesante se temos en conta que aínda faltan moitos mercados importantes sen acceso ao xogo que, curiosamente, non conseguiu o éxito a expensas doutros xogos móbiles ou aplicacións, senón que abriu o seu propio camiño.

PUBLICIDADE