Pontevedra rende homenaxe ás súas mulleres anónimas na historia cunha nova web

venres, 21 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Pontevedra presentou hoxe unha nova iniciativa para contrarrestar, na Rede e máis nas contornas offline, a sobrepresenza do masculino nos traballos de pescuda histórica local. Estamos a falar da web do programa A Memoria das Mulleres: o chimpo definitivo á Rede dunha iniciativa do Goberno municipal que xurdiu para mostrar mulleres esquecidas de Pontevedra e a súa contorna, as grandes heroínas anónimas do progreso social, cultural, laboral e económico do concello. A páxina www.dogrisaovioleta.gal inclúe 130 biografías, 21 artigos, máis de 200 fotos, unha ducia de vídeos e 3 roteiros auto-executábeis.
O fondo documental da páxina, ademais, fai un pormenorizado, emotivo e relevante repaso biográfico pola vida de medio milleiro de pontevedresas, mulleres todas “esquecidas da vida social, económica ou cultural da Boa Vila e que hoxe adquiren un maior protagonismo grazas a esta iniciativa”, segundo sinalou o concelleiro de Memoria Histórica, Luís Bará.
A web, explicou, é o resultado dun proceso de “investigación, divulgación e homenaxe” dun produto que naceu hai 5 anos para “reparar o esquecemento e recoñecer o protagonismo das mulleres na vida de Pontevedra”. As biografías artéllanse en tres vertentes: mulleres da clase traballadora, as mulleres pioneiras e as que sofreron a represión, todas elas indexadas para un uso máis doado e unha mellor localización.

PUBLICIDADE