Propoñen un coxín para cargar os nosos trebellos electrónicos

xoves, 9 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Algúns proxectos de micromecenado sorpréndennos en moitas ocasións por ofrecer produtos que parece imposible que ninguén tivera comercializado antes, como é a Power Pillow que propoñen dende Dartmouth (Canadá) e que por 79 dólares canadenses (menos de 54 euros) ofrecería un coxín (dispoñible en 7 deseños distintos) que pode albergar no seu interior un par de baterías externas de 12.000 mAh, capaces de alimentar dende un smartphone ata un tablet, o que resultaría ideal para ter no dormitorio ou no salón, para poder facer un uso intensivo dos nosos dispositivos electrónicos sen ter que estar preto dunha toma de corrente.
Este concepto promociónase asegurando que achega a liberdade de poder recargar corpo, mente, teléfono e tablet ao mesmo tempo, e como vantaxe adicional temos que as baterías recargables externas poden separarse do coxín, para poder levar nos nosos desprazamentos como fonte de enerxía de emerxencia.
A campaña de captación de fondos para facer realidade a Power Pillow ten fixada a súa barreira para a viabilidade nos 30.000 dólares canadenses, tendo cuberta xa a terceira parte deste obxectivo cando aínda faltan 27 días para completar o proxecto, polo que parece garantido que no mes de marzo converterase nun produto comercial que posiblemente poderá adquirirse dende Europa.


Vídeo promocional deste proxecto de Kickstarter

PUBLICIDADE