Por fin poden mercarse en España os auriculares Pixel Buds

luns, 13 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Coa presentación do Pixel 4 en outubro anunciouse que en primavera sairían á venda os novos auriculares de Google, os Pixel Buds, que finalmente puxéronse á venda nos EE.UU. a finais de abril, e que tras unha longa espera chegan por fin a España, onde podemos adquirilos a un prezo de 199 euros en cor branca.
Falamos dos que posiblemente sexan os auriculares sen fíos para Android máis esperados pola súa experiencia de uso xeral, xa que combinan son de alta calidade, un deseño discreto que se adapta ben á forma do ouvido e funcións de intelixencia artificial moi prácticas, de xeito que aínda que non sexan os auriculares deste tipo de maior calidade, si resultan moi completos, sendo especialmente recomendable o seu uso en combinación con smartphones da familia Pixel.
Os Pixel Buds fan uso da tecnoloxía Fast Pair, ou sexa, que con abrir o seu estoxo de carga xa se realiza a conexión dos auriculares do smartphone; os seus micrófonos prometen chamadas nítidas incluso en ambientes ruidosos ou con vento; o seu son adaptable axusta de xeito temporal o nivel de volume para adaptarse ao contorno e así evitar que ruídos puntuais estraguen a experiencia sonora; facilitan a invocación do Asistente de Google mediante ordes de voz coma se estivésemos ante un altofalante conectado; permite o uso do Tradutor de Google a xeito de intérprete; e tamén conta coa función de busca (ou sexa, que dende o teléfono pódese activar un modo no que os auriculares pitarán para facilitar a súa localización).
Os auriculares teñen unha autonomía de até 5 horas, que co estoxo de carga pode ampliarse até as 24 horas; son resistentes á auga e á suor (IPX4) polo que poden resultar cómodos para a práctica deportiva; e tamén inclúen almofadas de 3 tamaños distintos para que o usuario poida elixir a que mellor se adapta ao seu ouvido (en función da firmeza ou do illamento acústico que queira conseguirse).

Os Google Pixel Buds destacan pola súa boa suxeición no ouvido

PUBLICIDADE