Portátiles SOTEC: opcións a baixo prezo

luns, 23 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Os portátiles seguen a baixar de prezo e non seremos nós os que traten de impedilo. Lonxe semellan quedar os tempos en que para mercar un computador case tiñas que pedir unha hipoteca. Ben: o SOTEC Winbook WH3313 non é probablemente a resposta punto por punto pola que moitos de nós deveciamos, pero tampouco se pode descartar de boas a primeiras, coas súas vantaxes e coas súas limitacións. Entre as primeiras non cabe dúbida de que está o prezo: 560 euros (que aínda sería máis reducido se correse con software libre).
Entre as segundas, o pouco que che dura a batería: 1,5 horas, un tempo que (coas cousas que hai hoxe en día que ver na Rede) non chega nin para eliminar o correo lixo.
Inclúe pantalla de 15,4 polgadas e resolución de 1.280 x 800, o que tampouco está mal. O disco duro é de 80 XB e o procesador é un Celeron M430. Tamén inclúe 512 MB de RAM. O sistema operativo é Vista Home Basic.
O modelo WH3513P vén con máis capacidade (custa 660 euros), polo que xa pode correr sobre Vista Home Premium. Inclúe 1 XB de RAM. Os dous modelos veñen equipados para Wi-Fi.

PUBLICIDADE