Preparan un GPS para a Nintendo DS

luns, 27 de abril do 2009 Marcus Fernández

A consola portátil de Sony, a PSP, conta dende hai meses cun accesorio que a dota de GPS, e a empresa chinesa Fab Chain non quere que a Nintendo DS sexa menos, e prepara o Ranger, un conxunto de hardware e software (baseado en Google Maps) que podemos conectar ao porto para cartuchos de Game Boy Advance (por tanto, incompatible coa nova Nintendo DSi, que carece do mesmo) para recibir a nosa posición no mapa por satélite.
O trebello está baseado nun receptor U-Blox GPS (que tamén pode conectarse a ordenadores portátiles e PDA), conta con batería propia (para non reducir a autonomía da Nintendo DS) e aínda non se coñecen os detalles como a data de lanzamento e o seu prezo, pero resulta interesante que algúns fabricantes pensen na Nintendo DS (a consola portátil máis vendida do mundo) para lanzar novos accesorios.

PUBLICIDADE