Preparan unha chaqueta cunha capucha que deixa pasar o son

luns, 21 de xullo do 2014 Marcus Fernández

A innovación tecnolóxica non chega só a través de produtos electrónicos, senón tamén mediante os seus acompañantes, entre os que podemos destacar un novo produto desenvolvido dende a compañía de San Francisco Betabrand, que vén a ser unha chaqueta con capucha feita dun tecido acusticamente transparente, que permitiría que incluso puidésemos empregar auriculares sobre a propia capucha.
Esta curiosa chaqueta con capucha está a financiar a súa fabricación mediante micromecenado, de xeito que os interesados poden optar ao proxecto pagando 142,20 dólares (105,15 euros) polo produto (o que supón un desconto do 10%), o que fixo que a 22 días para rematar a campaña xa teñan case captado o dobre da cantidade que tiñan prevista para que a chaqueta poida converterse nun produto comercial.
Esta curiosa chaqueta é resistente á auga, ten peto interno e externo á altura do peito (para facilitar, por exemplo, o uso dun reprodutor multimedia) e petos inferiores para as mans (cun orificio para poder extraer o cable duns auriculares). Espérase que o produto sexa realidade no mes de outubro, cando comezaría a enviarse aos seus mecenas.


Vídeo promocional da chaqueta con capucha de Betabrand

PUBLICIDADE