Preparan unha unidade externa SSD do tamaño dun chaveiro

venres, 29 de novembro do 2019 Marcus Fernández

O concepto dunha unidade SSD de tamaño tan reducido que podería levarse nun chaveiro foi tan ben recibido en Kickstarter que conseguiu garantir o seu financiamento en apenas 6 horas, e non é para menos, xa que a campaña promete que, de facer realidade a Bullet SSD, conseguirá unha unidade SSD en formato USB cun peso de só 18 gramos, cunhas medidas de 51 x 16 x 8 milímetros, con resistencia IP67 ao po e á auga, cunha capacidade de 1 ou 2 TB e, como detalle máis importante, con velocidades de lectura/escritura de 500 MB/segundo.
As primeiras unidades de 1 TB poden conseguirse por 774 dólares de Hong Kong (uns 90 euros), mentres que as unidades de 2 TB poden conseguirse por 1.243 dólares de Hong Kong (uns 144 euros), prezos moi competitivos para unhas unidades de almacenamento que poderían ser unha realidade a partires de marzo, e que resultarían moi prácticas para a súa conexión a ordenadores, consolas de videoxogos, tabletas, smartphones e outros dispositivos con conexión USB-C ou USB-A.
Os responsables deste proxecto aseguran que facer unidades SSD moi pequenas era un reto difícil de superar por mor da calor xerada, o que aseguran ter solucionado empregando un controlador moi eficiente enerxeticamente e incluíndo tamén tecnoloxía de arrefriamento pasiva baseada en grafeno.

PUBLICIDADE