Presentan novos lectores de e-books con pantallas TFT

xoves, 31 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Paradigm Shift presentará no CES de Las Vegas o vindeiro 7 de xaneiro un par de lectores de libros electrónicos con pantallas de 5 e 7 polgadas que destacan por estar baseados en pantallas TFT de alta resolución que chegarán ás tendas a finais de febreiro a uns prezos de 149,95 e 199,95 dólares respectivamente.
Estes dispositivos son capaces de abrir documentos en ANSI, UNICODE TXT, DOC, PDF, HTML, FB2, PDB e EPUB, visualizan fotografías, reproducen música en MP3 e o modelo de 5 polgadas, o EER-051, contará con 1 Gb de capacidade de almacenamento interna ampliable mediante tarxetas SD, mentres que o seu irmán maior, o EER-071WF, terá 2 Gb de memoria interna, un lector de tarxetas T-Flash e funcionará coma un completo Tablet PC, de xeito que poderá operar con documentos de Word e Excel e PDF, así coma reprodución vídeo Flash coma o de YouTube.
Ao contar con pantallas TFT, as imaxes que representa estarán en cor, pero coma desvantaxe está que a súa autonomía sería moi inferior á dos lectores baseados en E Ink e tamén terían problemas para a súa lectura baixo a luz do sol e a súa lectura non sería tan agradable como con este tipo de tecnoloxía (xa que na práctica estariamos ante a pantalla dun ordenador portátil).

PUBLICIDADE