Presentan novos produtos da familia Surface

mércores, 2 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Microsoft celebro hoxe un evento de presentación de novos produtos da gama Surface, dos que 5 novos produtos chegará para a compaña de Nadal (cando menos nos EE.UU.) e outros dous con dobre pantalla previstos para o Nadal de 2020.
O novo Surface Laptop 3 é un novo portátil bastante elegante, que estará dispoñible a partires do 22 de outubro con pantallas de 13,5 e 15 polgadas, partindo dun prezo de 1.149 euros (para o modelo con pantalla de 13,5 polgadas, procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno) até os 2.949 euros (para o modelo con pantalla de 15 polgadas, procesador AMD Ryzen Surface Edition A11, 32 GB de RAM e 1 TB de almacenamento interno).
Este equipo delgado e lixeiro promete unha autonomía de até 11,5 horas, ten un trackpad de cristal un 20% máis grande que no modelo anterior, un teclado con 1,33 milímetros de percorrido buscando un tecleo máis confotable, portos USB-A e USB-C e carga rápida.
Pero o produto máis veteranos da familia tamén se renova, e temos así o novo Surface Pro 7, considerado o equipo 2-en-1 máis versátil do mercado, que agora incorpora procesadores Intel Core de 10ª xeración. Está previsto o seu lanzamento para o 22 de outubro a un prezo que parte dos 899 euros. Este equipo con pantalla de 12,3 polgadas é moi lixeiro (pesa 770 gramos), conta con portos USB-A e USB-C, conta cunha boa autonomía (de até 11,5 horas) e pode empregarse tanto con teclado e rato como un ordenador portátil, como tirando proveito da súa pantalla táctil ou do seu lapis dixitalizador, polo que é unha opción que goza de grande aceptación no mundo empresarial.
Deste equipo temos agora unha interesante variante, o Surface Pro X, que chegará ao mercado o 13 de novembro a un prezo que parte dos 1.149 euros, cunha pantalla de 13 polgadas e conectividade 4G, polo que sería a opción ideal para os que precisen un equipo totalmente móbil. É o equipo Surface máis fino do mercado (ten un grosor de só 7,3 milímetros), e como grande elemento diferencial funciona cun procesador Microsoft SQ1 e unha gráfica Adreno 685, polo que estamos ante un produto que busca competir coas tabletas con Android e iOS ofrecendo unhas prestacións semellantes, pero coas vantaxes de operar cun sistema operativo máis propio de escritorios informáticos.
Un produto bastante rechamante serían os Surface Earbuds, auriculares sen fíos cun deseño bastante curioso, que contan cunha zona táctil bastante ampla para un cómodo control, aínda que tamén facilitan o seu control por voz. Estes auriculares permiten reproducir música, atender chamadas, abrir Spotify ao momento mediante 3 toques, ditar documentos de Word e incluso facer uso dunha interesante funcionalidade de PowerPoint, que durante unha presentación pode amosar subtítulos co que está a dicir o relator (que pode presentarse en pantalla traducido a máis de 60 idiomas.
Estes auriculares teñen unha autonomía de até 8 horas cunha única carga, prometendo unha autonomía de até 24 horas se tiramos proveito do seu estoxo-cargador. Este produto con son de alta calidade venderase nos EE.UU. a un prezo de 249 dólares.

Anuncio dos Surface Earbuds

Chega a dobre pantalla

A grande sorpresa para moitos foi a presentación de novos dispositivos con dobre pantalla: o Surface Neo e o Surface Duo. O Surface Neo será un ordenador portátil con 2 pantallas táctiles de 9 polgadas, de xeito que xuntas ofrecen a visión dunha pantalla de 13 polgadas. Este equipo funcionará con Windows 10X.
Pero a grande sorpresa da xornada foi a presentación do Surface Duo, un smartphone con Android que pode combinar as súas dúas pantallas de 5,6 polgadas para conseguir unha pantalla de 8,3 polgadas, polo que podemos entender que estamos ante o achegamento de Microsoft a unha proposta como a do Samsung Galaxy Fold.
Haberá que agardar aínda bastantes meses para comprobar se esta proposta de Microsoft paga a pena, pero a impresión que podemos levar é que 2020 será un ano chamado para o cambio de formato entre os dispositivos portátiles, pon produtos como as pantallas encartables ou as dobre pantallas.

O Surface Neo busca ser o exemplo dunha nova categoría de produto

PUBLICIDADE