Presentan un novo lector de e-books con pantalla dual

luns, 19 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Despois de que filtrasen imaxes do que podería ser o lector de libros electrónicos de Barnes & Noble, chega agora o Alex de Spring Design, que coincide no concepto de contar cunha pantalla dual, pero que destaca por funcionar co sistema operativo Android.
Este novo dispositivo estaría formado por unha pantalla monocroma de E Ink de 6 polgadas na que ler textos, baixo a que habería unha pantalla LCD de 3,5 polgadas na que correría o Android coma nos móbiles actuais, de xeito que permitiría incluso o acceso á Internet (podendo trasladarse os contidos á pantalla de papel electrónico para unha lectura máis confortable), pois o dispositivo tamén gozaría de conectividade Wi-Fi e 3G. Tamén conta con toma de auriculares e altofalante, así coma lector de tarxetas SD.
Este dispositivo debería chegar ao mercado este ano, aínda que non deron detalles sobre o seu lanzamento comercial.

PUBLICIDADE