Primux presenta novos smartphones con pantallas de grande tamaño

luns, 5 de maio do 2014 Marcus Fernández

Os Primux Beta e Zeta 2 chegarán ao mercado con pantallas de 6 e 5 polgadas respectivamente

Tras presentar nos últimos días o seu novo smartphone de 4,5 polgadas, o Kappa, a ourensá Primux Tech continúa a incorporar ao seu catálogo novos móbiles incrementando o seu tamaño de pantalla, conservando a tecnoloxía de pantalla IPS/GOS e o sistema operativo Android 4.4 como sinais de identidade.
O primeiro destes novos terminais sería o Primux Zeta 2, que conta cunha pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, procesador MediaTek de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, radio FM, dobre SIM, un grosor de 9,3 milímetros e batería de 1.900 mAh, completando o paquete sen custo adicional unha segunda batería, unha Flip Cover e un protector de pantalla, para que os compradores poidan gozar dun móbil protexido dende o primeiro día.
Estamos así ante a evolución natural dos smartphones de Primux, que atende á demanda de pantallas cada vez máis grandes, aínda que nesta liña resulta bastante rechamante a outra proposta desta compañía galega, o Primux Beta, un produto que desmárcase dos anteriores ao dar prioridade só ao tamaño de pantalla, esquecendo equilibrar as súas prestacións, de xeito que teriamos un smartphone con pantalla IPS de 6 polgadas cunha pobre resolución de pantalla (960 x 540 píxeles), un procesador de dobre núcleo a 1,3 GHz, só 512 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, dobre SIM, radio FM, cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de só 2.100 mAh e Android 4.2, polo que estariamos ante un bo exemplo de cabalo grande, que posiblemente chegue a un prezo moi axustado, buscando así atender a demanda dos que só buscan unha pantalla xigante nun móbil.
Estes novos smartphones verémolos nas tendas a partir desta mesma primavera.

PUBLICIDADE