ProTrack converte aos iPod en gravadoras profesionais

luns, 23 de xuño do 2008 Marcus Fernández

O fabricante de equipos de audio profesional Alesis anunciou que para o terceiro trimestre do ano vai pór á venda ProTrack, o primeiro gravador profesional de son estéreo para o iPod, ou sexa, un sistema de gravación que captura o audio en directo para almacenalo no disco de reprodutores iPod.
O ProTrack integra dous micrófonos de alta calidade para poder facer directamente gravacións de campo, pero tamén inclúe un par de conectores XLR de ¼ de polgada, útiles para utilizar coma fonte de gravación micrófonos externos ou tomas de liña.
O dispositivo inclúe fonte de alimentación (podendo operar tamén con 4 pilas AAA) e achega alimentación phantom (para micrófonos de condensador). As gravacións fanse en estéreo a 16 bits, a 44,1 ou a 22 kHz.
Deste xeito, ProTrack sería unha solución moi interesante para gravar actuacións musicais, entrevistas ou conferencias coa comodidade de poder reproducilas logo dende o iPod sen ter que mediar un ordenador no proceso.

PUBLICIDADE