Pronto, as baterías externas que cargan 12 veces máis rápido que as actuais

xoves, 9 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Se hai unha palabra que reflicta velocidade en distintos idiomas de seguro que sería pronto, que podemos empregar tanto en español como en galego ou en inglés, de aí que non debería sorprendernos que a adoptasen para bautizar a un novo produto que completou rapidamente o seu financiamento a través de Kickstarter, por resultar moi atractivo, xa que consiste nunha batería externa de alta capacidade que presume de poder cargarse a moita velocidade (12 veces a velocidade dunha batería actual).
Estas baterías chegarán en dous modelos, a Pronto 5, cunha capacidade de 4.500 mAh, e a Pronto 12, cunha capacidade de 13.500 mAh, que terán uns prezos oficiais de 99 e 149 dólares respectivamente, pero que poden conseguirse aínda máis baratas a través da campaña de micromecenado. Deste xeito sería incluso posible facerse cunha batería Pronto 5 por 89,83 euros ou cunha Pronto 12 por 105,59 euros (gastos de envío incluídos en ambos casos).
As vantaxes deste tipo de baterías son claras, xa que permite coller carga suficiente como para unha carga completa dun iPhone 5 en mobilidade en só 5 minutos, mentres que se cargamos a batería durante unha hora poderíamos xuntar a capacidade para recargar 9 veces un iPhone 5.
As baterías Pronto cárganse a través dun transformador de corrente, pero entregan a carga a través un porto USB de ata 2,4 A, polo que incluso serviría para cargar un iPad ou realizar unha carga rápida dun dos novos iPhone 6. Contan cunha carcasa de aluminio de grande resistencia, una correa para facilitar o seu transporte, un dial de LED que amosa a capacidade da batería e a velocidade da súa carga e unhas tapas de silicona que protexe os seus portos do po e a auga.
A Pronto 12 non só ten unha capacidade maior que a Pronto 5, senón que tamén inclúe un segundo porto USB (para poder cargar 2 trebellos á vez) e incluso unha saída de corrente de 12V, de xeito que serviría tamén para cargar numerosos dispositivos de grande tamaño como ordenadores portátil (xa que funciona como o acendedor dun automóbil valéndose dun cable adaptador).
No que a dimensións se refire, o Pronto 5 mide 140 x 65 x 20 milímetros, e o Pronto 12 ten unhas medidas de 130 x 65 x 42 milímetros, pesando 270 e 520 gramos respectivamente, o supón un deseño un tanto máis voluminoso do que podemos estar afeitos en baterías externas, pero é debido á elevada capacidade destes modelos que como principal eiva teñen que haberá que agardar a maio-xuño de 2015 para que cheguen aos fogares dos seus mecenas.

PUBLICIDADE