Propoñen unha moratoria para o desenvolvemento de grandes proxectos de intelixencia artificial

mércores, 29 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Elon Musk é un dos promotores desta moratoria

O Future of Life Institute, entidade que persegue unha transformación tecnolóxica prudente, vén de publicar unha carta aberta a través da que solicitan a conxelación dos grandes experimentos con intelixencia artificial, por considerar perigosa a carreira actual desta tecnoloxía, que podería levar á perda de control da civilización, de aí que consideren que os potentes sistemas de intelixencia artificial deberían desenvolverse só cando esteamos seguro de que os seus efectos serán positivos e os seus riscos controlables.
Consideran que os sistemas que sexan máis potentes que GPT-4 deberían suspender o seu desenvolvemento como mínimo 6 meses, para dar tempo a establecer protocolos que garantan a seguridade destes desenvolvementos que na súa meirande parte funcionan como caixas negras, polo que resultan bastante impredicibles e perigosos.
Entre os asinantes desta carta aberta destacan figuras como Elon Musk (cofundador de OpenAI, pero actualmente fóra da iniciativa), os profesores Yoshua Bengio e Stuart Russell, o cofundador de Apple Steve Wozniak, e moitos outros docentes, investigadores e emprendedores que levan tempo participando nas xuntanzas organizadas pola entidade entre as que destacan a de Asilomar en 2017, na que se fixaron 23 principios sobre a intelixencia artificial que pretenden que se adopten como unha norma global para un desenvolvemento responsable desta tecnoloxía.
Se ben solicitar unha moratoria ao desenvolvemento da intelixencia artificial parece unha iniciativa ridícula (a industria non vai deter a súa evolución no momento no que está a recibir maior atención), espertar a preocupación sobre os riscos da intelixencia artificial si que é máis que defendible, e non podemos esquecer que precisamente a nivel europeo está a traballarse en tal dirección, de aí que en breve vaiamos ter na Coruña a sede da AESIA, Axencia que se encargará de regular a intelixencia artificial e que servirá de exemplo ao control deste ámbito no marco europeo.

PUBLICIDADE