Publican e xustifican os prezos do Motorola XOOM

xoves, 17 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Motorola despediuse do Mobile World Congress de Barcelona dando a coñecer os modelos e prezos que terá o seu tablet, de xeito que xa sabemos que a súa versión máis básica (con conectividade Wi-Fi) terá un prezo de só 600 dólares, o que resulta moi atractivo se temos en conta que ten unha capacidade de almacenamento de 32 Gb, cámaras, conectividade USB 2.0 e saída de vídeo HDMI 1.4, polo que supón unha alternativa moi atractiva ao iPad de Apple.
O Motorola XOOM tamén comercializarase con conectividade EVDO (nos EE.UU.) e GSM/3G/HSPA (en Europa) a un prezo de 799 dólares, estando a única diferenza entre estes modelos e o Wi-Fi na conectividade móbil, o que dá a impresión de que é un incremento de prezo excesivo (no caso do iPad o modelo Wi-Fi e o 3G diferéncianse en 102 euros) pero dende Motorola xustifícanse asegurando que os que adquiran tal dispositivo terán a futura actualización a LTE (4G) de balde, o que permitirá que o tablet de Motorola goce de velocidades de descarga de ata 50 Mbps.
No tocante á distribución europea do dispositivo, polo momento sábese que no Reino Unido chegará da man de The Carphone Warehouse (The Phone House en España), Best Buy, Currys e PC World (PC City en España), mentres que a operadora Deustche Telekom levará o tablet a varios mercados, sendo aínda unha incógnita o nome da operadora que comercializará o Motorola XOOM dentro das nosas fronteiras.

PUBLICIDADE