Q Founder, o reloxo con Android Wear de Fossil

mércores, 25 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Para gozar dun smartwatch con Android Wear que poida pasar por un reloxo tradicional non hai por que recorrer a produtos coma o TAG Heuer Connected (que ten un prezo de 1.350 euros), senón que outros fabricantes como Fossil tamén decidiron meterse neste mercado co seu reloxo de aceiro inoxidable Q Founder, que está dispoñible en Europa por 299 euros. Deste xeito temos un reloxo dunha marca tradicional que se achega aos rango de prezos de fabricantes como LG ou Huawei, e incluso ten un prezo considerablemente inferior se miramos aos terminais con correa metálica.
O Q Founder de Fossil é un smartwatch resistente a auga cunha correa de cor prata cun ancho de 22 milímetros que pode comunicarse con smartphones con Android e iOS a través de Bluetooth 4.1. Ten 1 GB de RAM, unha capacidade de almacenamento de 4 GB, pantalla cunha resolución de 360 x 326 píxeles, unha batería de 400 mAh que promete unha autonomía de 24 horas, un grosor de 13 milímetros e un peso de 71,94 gramos.
Fronte a outros smartwatches semellantes poderiamos comentar que carece de monitor de ritmo cardíaco, pero non debería ser unha prestación que se bote en falta xa que non estamos ante un reloxo deportivo. En calquera caso parece que Fossil atinou ao incorporar ao seu catálogo este reloxo antes da campaña de Nadal, xa que pode converterse nun agasallo para os usuarios de reloxos que queiran darlle unha oportunidade ao concepto smartwatch.

O deseño do Q Founder de Fossil fai que case poida pasar por un reloxo de pulso tradicional

PUBLICIDADE