Qualcomm presenta novos procesadores para ordenadores portátiles

mércores, 1 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Qualcomm non se limitou a presentar a súa nova xeración de procesadores para móbiles, senón que tamén quixo avanzar no ámbito informático coa plataforma Snapdragon 8cx Gen 3, unha interesante aposta para conseguir equipos informáticos con Windows que gocen das vantaxes dos dispositivos móbiles como unha magnífica conectividade (descargas 5G de até 10 Gbps e Wi-Fi 6E de até 3,6 Gbps), tecnoloxías avanzadas de cámara e son, e un equilibrio entre potencia e consumo que permita unha boa autonomía en equipos de perfil fino (poderían chegar a superar as 25 horas de autonomía).
Con Snapdragon 8cx Gen 3 poderiamos ter así un equipo informático relativamente potente; con boa autonomía; que descarga a grande velocidade; capaz de realizar videoconferencias de calidade, gravar vídeo 4K con HDR e disparar fotografías de 24 Mpíxeles; tirar proveito da intelixencia artificial; e gozar de tecnoloxía de seguridade de grado empresarial e compatible con Windows Hello (o que permitiría identificarse no equipo con recoñecemento facial ou impresión dixital).
Para equipos menos esixentes teremos como alternativa a plataforma Snapdragon 7c+ Gen 3, con capacidades máis modestas, pero gozando tamén das posibilidades dos dispositivos móbiles nun equipo informático.

Vídeo promocional da plataforma Snapdragon 8cx Gen 3

PUBLICIDADE