Qualcomm presenta o seu novo chipset de gama media

venres, 17 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Qualcomm presentou o novo chipset Snapdragon 7+ Gen 2, deseñado para que os móbiles de gama media poidan mellorar significativamente en rendemento, eficiencia enerxética e capacidade de procesamento de imaxe. Falamos de que con respecto ao seu equivalente da xeración anterior a mellora de rendemento é do 50%, o que é bastante notable, sendo capaz este tipo de procesador de mover pantallas até 1440p e velocidades de refresco de 120 Hz, pode procesar imaxes con HDR e tamén capturar instantáneas de até 200 Mpíxeles.
O Snapdragon 7+ Gen 2 conta cun modem que permite velocidades de descarga de até 4,4 Gbps, soporta conexións simultáneas a 5G e 4G, e tamén permite descargas a través de Wi-Fi 6 de até 3,6 Gbps. Tamén pode mellorar substancialmente os xogos no móbil, para o que soporta a tecnoloxía VRS, e a nivel de son incluso conta co codec aptX Lossless (que permite gozar de música sen perdas).
Estamos así ante un chipset que fará que os novos móbiles de gama media poidan equipararse a moitos dos de alta gama de xeracións anteriores.

PUBLICIDADE