Quantum Break non contará con dobraxe en español

venres, 8 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro 5 de abril chega a Xbox One un dos seus xogos exclusivos máis agardados, Quantum Break, que achegará unha experiencia única que mesturará videoxogo e acción real cun casting de actores coñecidos como Shawn Ashmore (quen interpreta ao heroe, Jack Joyce), Dominic Monaghan, Aidan Gillen e Lance Reddick, entre outros, o que supuxo todo un reto á hora de adaptar o xogo aos distintos territorios e, no caso español, veñen de confirmar algo moi decepcionante: este título non chegará dobrado ao español, senón que haberá que gozar deste historia en inglés con subtítulos en español.
O estudio Remedy Entertainment desculpouse pola mala nova, asegurando que ese tipo de decisión non corre da súa conta, o que non é a primeira vez que acontece (cando un título resulta moi complexo na súa narrativa, o número de horas de dobraxe de voz son moi elevadas, o que encarece extraordinariamente a súa localización, e ante unha previsión de vendas modesta as distribuidoras tenden a preferir apostar polos subtítulos antes que realizar unha cara dobraxe).
Pero que o xogo estea en inglés non significa que non esteamos ante un dos mellores xogos do ano, presentando unha aventura na que hai que participar en desastres épicos retrocedendo e avanzando no tempo, nun mundo no que se produciu unha fenda no tempo e o protagonista intentar salvar a situación cos seus poderes temporais.
Esta curiosa situación é consecuencia dun experimento fracasado dunha máquina do tempo, que desestabilizou o propio tempo, e Jack Joyce non só loitará para salvar o tempo, senón que tamén terá que enfrontarse a Monarch Solutions, a corporación liderada por Paul Serene, antigo amigo de Jack, e agora o seu rival.
O xogo promete que as decisións do xogador afectarán ao desenvolvemento da historia, facilitando unha experiencia única, na que se fusiona o xogo e unha especie de serie de televisión, de xeito que teremos unha mecánica narrativa insólita.

Quantum Break mestura xogo con acción real

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE