Quérote+ impartiu formación sobre hábitos saudábeis ou redes sociais a máis de 10.000 mozos

martes, 16 de agosto do 2022 S. P.

A Consellería de Política Social e Xuventude vén de facer balance da actividade recente do programa Quérote+, un servizo que achega asesoramento á mocidade en materia de hábitos saudábeis e que tivo, pola importante presenza das novas ferramentas entre a xuventude, unha marcada vertente tecnolóxica. Segundo se fai saber, o programa chegou no pasado curso 2021/2022 a preto de 10.400 mozos, subministrándolles formación en relacións afectivas, imaxe corporal ou redes sociais. Para iso, a iniciativa puxo en marcha arredor de 500 accións, impartidas por profesionais do ámbito social, por institutos de toda a Comunidade.
En concreto, a principal temática foi a sexualidade, con preto de 400 obradoiros celebrados. Outros dos temas tratados foron a imaxe corporal, con 50 destes talleres, ou os consumos de sustancias como alcohol ou drogas e de Internet, con 10. Ademais de centros escolares, os profesionais que integran os equipos de Quérote+ visitan tamén concellos, asociacións, universidades e outras entidades, ámbito no que alcanzaron a máis de 1700 persoas con 75 obradoiros dende comezos de ano e ata finais de xuño.
No que se refire ás consultas, os cinco centros que forman parte deste programa, situados na Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, atenderon algo máis de 3.000 no primeiro semestre deste 2022. Neste caso os temas tratados son similares: destaca a sexualidade como principal temática, presente en máis da metade (sobre 1600) das peticións atendidas, seguido pola imaxe corporal (300) e o VIH (160). As redes sociais, o consumo de alcohol, drogas e Internet, ou os problemas psicolóxicos derivados da COVID son outros dos temas atendidos. Outro dos servizos postos a disposición da xuventude pola Xunta no marco deste programa é a realización de probas rápidas de VIH para maiores de 16 anos e de tests de embarazo.
A mocidade galega pode consultar toda a información sobre esta iniciativa na sección correspondente da web de Xuventude, incluíndo os datos de contacto xerais e de cada centro, como teléfono, correo electrónico, WhatsApp, Telegram ou videochamada, dispostos polo Goberno autonómico para resolver todas as súas dúbidas. Tamén se atenderá de maneira presencial preferiblemente con cita previa.

PUBLICIDADE