R-Type Tactics chegará a Europa en setembro

venres, 13 de xuño do 2008 Marcus Fernández

O xogo recupera inimigos de anteriores entregas da saga

Os afeccionados ao xogo de recreativas (e as súas versións para consola) R-Type poderán volver a experimentar a emoción deste videoxogo de naves con desprazamento lateral que é todo un referente do xénero (xunto coa saga de Gradius, tamén coñecida en Europa coma Némesis). A última entrega da saga chegara en 2003 para PlayStation 2 e agora con R-Type Tactics se achegará á consola portátil de Sony.
R-Type Tactics xa se vende no Xapón dende 2007, pero en Europa non se poderá mercar ata o vindeiro 26 de setembro, cando os usuarios da PSP poderán recuperar esta saga iniciada en 1987.
A nova versión cambia parte de esencia do xogo, pois pasa de ser un matamarcianos puro a mesturar estratexia e combate por quendas, o que estará por ver se encaixa no mercado europeo, que tan ben acolleu as entregas anteriores da saga.

PUBLICIDADE