R está a traballar en facer ubicuo o seu servizo de televisión

luns, 1 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Nunha entrevista publicada en IP&TV News, Alfredo Ramos, director da división residencial de R, adianta algúns detalles sobre o futuro do operador galego de cable, como as súas intencións de continuar a achegar a fibra óptica aos fogares dos seus clientes (actualmente chega ata os seus edificios no mellor dos casos) á vez que están a probar novas tecnoloxías como RFoG que contribuiría á futura evolución dos servizos de R.
Ramos tamén destacou proxectos como a rede de puntos de acceso Wi-Fi que a compañía facilita aos seus clientes para acceder á Rede cando están fóra do seu fogar, o desenvolvemento de servizos de banda larga mediante LTE na banda dos 2,6 GHz (para o que R fíxose coa pertinente licenza), as solucións converxentes de telefonía, a posibilidade de levar os servizos de televisións aos clientes con acceso indirecto (ADSL) e incluso a posible evolución da oferta televisiva de R para facela ubicua (podería gozarse incluso dende dispositivos móbiles).

PUBLICIDADE