R lanza unha oferta de enerxía verde e galega con descontos permanentes na factura de telecomunicacións
mércores, 4 de decembro do 2024
A operadora galega R vai rematar o ano con grandes novidades para clientes presentes e futuros que amplían a súa carteira de servizos cara ao ámbito da enerxía sustentable e responsable. O obxectivo é “ofrecer un ecosistema integral de servizos para o fogar” permitindo agora que os clientes poidan contratar os subministros de gas e luz 100% verde e de orixe galega xunto co servizo de telecomunicacións.
Estabilizado o mercado enerxético, R lanza unha tarifa de luz e gas 24 h deseñada para, nas súas palabras, “mellorar as condicións de servizo da maioría dos nosos clientes”. A operadora galega quere trasladarlles, con estas novidades, “as vantaxes de integrar servizos de telecomunicacións e de enerxía”.
Vantaxes como por exemplo un desconto na factura de telecomunicacións, “beneficio único no mercado actual”. Asi calquera persoa usuaria dos servizos de R que contrate o servizo de luz e gas, que non comporta permanencia, terá unha rebaixa fixa de 9€ ao mes, IVE incluído (6€ polo subministro de luz e 3€ pola de gas/108€ ao ano) aplicada á súa factura de telecomunicacións mentres se manteñan activos ambos os dous servizos. Esta dedución acumularase en cada punto de subministración e así, se a persoa usuaria contrata o servizo para outras vivendas, como unha segunda residencia, beneficiarase dun desconto de 18€/mes (216€ ao ano) na factura de telecomunicacións.
Sen sorpresas: tarifa fixa e app para optimizar gasto e potencia
R explica que ademais do aforro, a tarifa terá un prezo fixo durante todo o día (24 h), tanto a luz coma o gas, “para evitar sorpresas desagradábeis e facilitar o control do gasto, co que xa non será preciso, por exemplo, estar pendente da mellor hora para pór a lavadora”, explican fontes da operadora, engadindo que a tecnoloxía axudará tamén os clientes de R a manteren as súas facturas baixo control; poderán rendibilizar o seu consumo grazas a unha app específica e a unha innovadora tecnoloxía de análise baseada en Intelixencia Artificial, coa que se estima que o 60% dos usuarios aforrarán unha media de 60€ ao ano grazas á recomendación automática da potencia contratada”. Este aforro pode aumentar co seguimento de consellos adaptados ás necesidades de cada fogar, apuntan fontes da operadora galega, informando que na aplicación poderase consultar igualmente o gasto estimado para o mes con antelación, realizar o seguimento do consumo e atopar formas de mellorar a eficiencia.
“A combinación de prezos competitivos, descontos pola combinación de facturas e aforro facilitado pola tecnoloxía de optimización de R terá un impacto significativo na factura de enerxía do fogar, que será sempre mensual (mes natural)”, engade.
Compromiso cunha Galicia sustentable
Ao abeiro do seu compromiso coa sociedade galega, R comprométese a certificar a orixe local e renovable da enerxía e compensará as emisións de gas coa plantación de árbores. Combinando os servizos de luz e gas de R co de telecomunicacións contribuirase activamente á sustentabilidade e ao coidado do medio ambiente para “tentar transformar o sector da enerxía en algo xusto e natural”, sinalan fontes da operadora, engadindo que o servizo de R luz e gas de R xa está dispoñible para contratación a través de todas as canles da empresa: tendas, web e teléfonos de atención ao cliente. O trámite complétase en só 5 minutos, sen papelame nin visitas de técnicos, e a mudanza efectúase nun prazo de 3 a 5 días sen necesidade de interromper a subministración dos servizos.
Este lanzamento forma parte da despregadura deste servizo de enerxía en todas as marcas principais do grupo MasOrange, onde xa conta con máis de 250.000 clientes e espera superar os 600.000 en menos de dous anos.