RED prepara un smartphone con pantalla holográfica

xoves, 6 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Unha das compañías de cámaras para fotografía e cine dixital de maior reputación a nivel mundial, RED, sorprende anunciando un produto que, de mencionalo outra compañía o tomariamos directamente coma fume, xa que aseguran que o seu Hydrogen será o primeiro dispositivo de comunicación holográfico multidimensional, que poderá levarse no peto e non precisará de lentes, chegando incluso a abrir a súa reserva a un prezo de 1.195 dólares para a versión en aluminio e de 1.595 dólares para a versión en titanio (1.047 e 1.397 euros respectivamente sen contar nin portes nin impostos)
Aseguran que este trebello sería o futuro da comunicación persoal, unha especie de smartphone con Android con pantalla holográfica de 5,7 polgadas, que podería amosar contido holográfico, contido 3D e xogos interactivos, servindo tamén para a realidade virtual, a realidade aumentada e a realidade mixta sen necesidades de lentes, e completando esta incrible promesa cun sistema de audio que consideran que achega mediante auriculares un son comparable ao do son envolvente 5.1.
RED tamén ofrecerá unha canle para o contido holográfico que poderase ver con este dispositivo, o Hydrogen One, que ten previsto ver a luz no primeiro trimestre de 2018, e do que confiamos saber máis nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE