RØDE presenta un adaptador para conectar micrófonos profesionais ao iPhone e o iPad

luns, 14 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración da feira IBC en Amsterdam RØDE anunciou un interesante accesorio para dispositivos con iOS que resulta de grande utilidade para reporteiros, correspondentes, músicos e outros profesionais, xa que trátase dun adaptador que permite conectar micrófonos XLR ao porto LIghtning propio do iPhone ou do iPad, para así poder realizar gravacións e mesmo retransmisións en directo valéndose de micrófonos profesionais en vez de empregar o micrófono integrando no dispositivo.
Este novo produto responde ao nome de i-XLR, e entre as súas vantaxes figura que pode acompañarse cunha aplicación de balde de RØDE, que pode amplificar en 20 dB os micrófonos dinámicos e incluso inclúe unha toma para auriculares con control de volume. Esta solución é ideal para conectar micrófonos de man, micrófonos de gravata e incluso micrófonos de estudio, para recibir un sinal de calidade no dispositivo con iOS.
Queda agora por coñecerse a data e o prezo de lanzamento deste accesorio que agradecerán moitos profesionais que busquen alternativas de máis calidade ao iRig PRE (ou iso é de agardar ao empregar o produto de RØDE unha entrada dixital en vez da analóxica que utiliza IK Multimedia).

O novo accesorio de RØDE é unha boa ferramenta para reporteiros en mobilidade

Vídeo de presentación do i-XLR

PUBLICIDADE