Radius, un todo-en-un portátil

luns, 17 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Os primeiros ordenadores portátiles eran pouco máis que equipos en formato torre aos que se integraban un teclado, un monitor e unhas asas, e aínda que pareza un concepto caduco, NextComputing quere resucitalo cos seus ordenadores Radius, equipos todo-en-un que integran unha pantalla de 17 polgadas cunha resolución máxima de 1.920 x 1.200 píxeles na súa torre, de xeito que temos un equipamento de grande potencia, pero con facilidades para o seu transporte.
Estes ordenadores poden adquirirse con distintos procesadores (Intel Core i7, Intel Xeon ou AMD Phenom II), con ata 24 Gb de RAM, numerosas unidades de almacenamento (ata 2 unidades SATA extraíbles en quente de 2,5 polgadas e ata 6 unidades SATA internas de 2,5 polgadas), entre 6 e 8 portos USB 2.0, Firewire, eSATA, Gigabit Ethernet, gravadora de DVD e 4 fendas PCI/PCIe libres. Estariamos ante equipos de alta gama, aínda que cun formato un tanto sorprendente para os tempos que corren, polo que parece que a súa adquisición estaría recomendada para usuarios de campaña (pois entre as súas opcións está a de adquirilo cunha carcasa reforzada baixo estándares militares).

Este equipo todo-en-un pode transportarse coma un maletín

PUBLICIDADE