Ray-Ban Meta supera os 2 millóns de unidades vendidas

venres, 14 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Na última presentación de resultados de EssilorLuxottica non só deron conta de que van introducir no mercado as súas lentes con tecnoloxía Nuance Audio para poder corrixir problemas de audición dun xeito discreto, senón que tamén achegaron importante información sobre as Ray-Ban Meta, que xa consideran que é un produto destinado ao mercado masivo e ao que atribúen os bos resultados das vendas a través da súa páxina web.
EssilorLuxottica di ter superado a barreira dos 2 millóns de unidades de Ray-Ban Meta dende o seu lanzamento, destacando que as vendas colleron velocidade en 2024, de xeito que en 2025 podería chegar a vender entre 2-5 millóns de unidades en 2025, polo que teñen que adoptar medidas para poder soportar a demanda de lentes conectadas para poder producir até 10 millóns de unidades ao ano ao remate de 2026.
A compañía ampliou a súa relación con Meta, de xeito que xa é un acordo a longo prazo, pois a colaboración iniciada en 2019 está a resultar moi produtiva, conseguindo unha adopción masiva dun tipo de produto que tiña serias dificultades para convencer ao público.
Tamén está previsto que Meta comercialice novas lentes conectadas baixo marcas como Oakley (propiedade de EssilorLuxottica).