Rayman Jungle Run estrea versión para Windows Phone 8

mércores, 29 de maio do 2013 Marcus Fernández

En setembro do ano pasado sorprendeu o lanzamento para iOS do xogo Rayman Jungle Run, que tomaba o recente Rayman Origins e convertíao nun xogo para dispositivos móbiles que puidera controlarse con simples toques táctiles sobre a pantalla, e finalmente este divertido xogo estréase en Windows Phone 8 a un prezo de 2,99 euros, incluíndo 50 niveis repartidos en 5 mundos (con cadansúa ambientación e estilo de xogo), desafíos desbloqueables e a posibilidade de xogar como Rayman ou como Globox.
Deste xeito, o xogo que superou os 2 millóns de descargas entre as súas versións para iOS, Android e Windows 8 chega a unha plataforma máis, o que parece unha xogada pensada para crear expectación de cara ao lanzamento de Rayman Legends para Xbox 360, PlayStation 3, PS Vita e Wii U o vindeiro verán, xogo que é de agardar que tamén inspire outro runner móbil.

En Rayman Jungle Run podemos tomar o rol tanto de Rayman como de Globox


Trailer da versión de Rayman Jungle Run para Windows Phone 8

PUBLICIDADE