Rayman Legends contará con versións para Xbox One e PS4

mércores, 11 de decembro do 2013 Marcus Fernández

As consolas de nova xeración xa están no mercado, e aínda contan cun catálogo de xogos bastante feble, polo que non só reciben cos brazos abertos novos títulos, senón tamén adaptacións de xogos da anterior xeración, como Rayman Legends, magnífico título da anterior xeración que o vindeiro 27 de febreiro estreará versión para Xbox One e PlayStation 4 en Europa, facendo que os posuidores dunha das novas consolas poidan gozar dun dos mellores xogos de plataformas das súas predecesoras.
A versión de Rayman Legends para Xbox One contará con 10 desafíos exclusivos e con 3 traxes exclusivos para Rayman e Globox, mentres que na PlayStation 4 estará dispoñible en exclusiva un novo traxe (Assassin Ray). Outro detalle curioso da versión para PS4 é que aproveitará o panel táctil do seu mando para permitir rascar boletos de lotaría e tamén permitirá facer uso da PlayStation Vita para xogar remotamente incluso co televisor apagado.
Os interesados en coñecer a experiencia de xogo que achega Rayman Legends e non coñezan esta saga, poden botar un ollo á versión de demostración que está dispoñible vía web.

A versión de PS4 do xogo contará cun traxe exclusivo
En Xbox One Rayman Legends terá 3 traxes exclusivos


Vídeo de presentación da versión para consolas de nova xeración de Rayman Legends

PUBLICIDADE