Rayman: Raving Rabbids 2 chega ás consolas de Nintendo

xoves, 15 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Hoxe chegan ás pantallas das consolas de Nintendo os coellos tolos que popularizou Rayman, en 2 xogos que se adapta cada un á súa correspondente consola. Rayman: Raving Rabbids 2 é así un dos produtos máis agardados polos seguidores destes coellos que tan ben se venden a través de anuncios nos que parodian dende o mundial de fútbol ata as feiras tecnolóxicas, pasando polas estreas cinematográficas.
O xogo sitúa ó xogador nunha invasión global por parte dos Rabbids, que deberán superar distintas misións para dominar o mundo, o que parece un argumento serio, pero que só é a desculpa para unha aventura xera de tolerías e diversión.
A versión para Nintendo Wii conta con 60 xogos totalmente novos, permite facer un uso intensivo do Wiimando e deixa personalizar a Rayman e ós Rabbids con máis de 110 elementos (cun total de 540.000 combinacións posibles), mentres que a versión para Nintendo DS respecta o argumento do de Wii, pero limita a súa personalización a 60 elementos, conta con 36 xogos distintos, aproveita a pantalla táctil da DS para cousa como tocar a guitarra ou a batería e leva ó tope a potencia 3D da consola portátil de Nintendo.
Quizais non sexa o xogo máis potente para ningunha das dúas consolas, nin ten o argumento máis traballado, pero é unha das mellores garantías para botar unhas risas mentres se entretén un xogando.
O anuncio do xogo para Wii é realmente impresionante:

PUBLICIDADE