Razer aposta pola realidade virtual open source

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

A realidade virtual continúa a ser unha promesa incumprida, e o último fabricante en subir ao carro durante a presente edición do CES de Las Vegas é Razer, compañía especializada en hardware para videoxogos, que está a propor unha solución semellante ás populares Oculus Rift, pero que baséase no ecosistema de código aberto e tería un prezo bastante axustado (199 dólares).
O Open-Source Vritual Reality (OSVR) de Razer consiste nunhas lentes de realidade virtual composta por unha máscara que suxeite o hardware fronte a cara do usuario, unhas lentes para facilitar a visualización coa mínima distorsión, unha pantalla Full HD de 5,5 polgadas capaz de presentar imaxes a 60 cadros por segundo e módulo que integra acelerómetro, xiroscopio, compás, 1 porto USB 3.0 externo e 2 portos USB 3.0 internos (para permitir a súa ampliación).
Para facer funcionar estas lentes OSVR conta con software compatible con diferentes lentes de realidade virtual e dispositivos relacionados (cámaras de profundidade, mandos de xogos...) facilitando a creación dun completo ecosistema para a creación de aplicacións e xogos de realidade virtual. Esta plataforma ofrécese de balde baixo licenza Apache 2.0.
Haberá que ver agora se este produto goza do apoio da comunidade de desenvolvedores, xa que o software e os contidos son actualmente as grandes eivas das múltiples solucións de realidade virtual que están a chegar ao mercado, e que pouco ofrecen ao usuario.

PUBLICIDADE