Razer comercializa lentes con son Bluetooth 5.1

venres, 5 de marzo do 2021 Marcus Fernández

O fabricante de produtos orientados ao afeccionados aos videoxogos, Razer, sorprendeu anunciando as Razer Anzu Smart Glasses, unhas lentes dispoñibles en 2 talles distintos e con deseño rectangular ou circular a un prezo de 209,99 euros que inicialmente véndense con cristais polarizados para protexer do 99% dos raios ultravioleta, que filtran o 35% da luz azul e que integran son Bluetooth controlable de xeito táctil, de xeito que poden empregarse para recibir contidos de distintas fontes e para a realización de chamadas en mans libres. Tamén é posible empregar cristais graduados.
Estas lentes con Bluetooth 5.1 teñen unha latencia de só 60 milímetros, de xeito que poden ser un xeito bastante discreto para gozar de son sen fíos de distinto tipo (incluíndo videoxogos), aínda que a súa autonomía é de só 5 horas, o que semella bastante deficiente para un produto que pode levarse comodamente todo o día. Cando as lentes están encartadas apáganse totalmente, podendo manter a súa carga até preto de 2 semanas.
Mediante toques é posible controlar a reprodución multimedia e a xestión de chamadas; contan con aplicacións para iOS e Android que permiten axustar a ecualización do son deste sistema aberto que non illa ao usuario do ruído que teña no seu contorno, ou sexa, que non busca illar do mundo como os auriculares tradicionais. Grazas á súa resistencia IPX4 tamén poderían empregarse para a práctica deportiva ou en exteriores, xa que non terían problemas coa suor ou as salpicaduras de auga.

As lentes contan con resistencia á auga IPX4
Grazas á baixa latencia as Razer Anzu Smart Glasses poden empregarse incluso para gozar de videoxogos

PUBLICIDADE