Razer sorprende cun concepto de máscara con ventilación, iluminación e amplificador de voz

martes, 12 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O fabricante de accesorios para videoxogos Razer decidiu aproveitar a celebración do CES para dar a coñecer produtos conceptuais como unha cadeira que integra unha pantalla OLED curva para conseguir unha experiencia de xogo moi inmersiva e tamén un produto que semella máis próximo á realidade: unha máscara moi tecnolóxica.
A máscara desenvolvida no Project Hazel busca protexer do coronavirus ao contar con filtración bacteriana, ventilación activa e un estoxo de carga con luz ultravioleta para a súa esterilización, ou sexa, unha máscara de uso diario con filtros intercambiables e ventiladores recargables como outras solucións que xa existen no mercado, pero á que Razer deulle un toque moi especial ao integrarlle unha parta frontal transparente (o que permite ver a boca de quen a leva), iluminación LED cromática e un amplificador de voz.
Estamos ante un produto moi rechamante, que promete ser confortable, pero do que hai moitas dúbidas de que chegue ao mercado, xa que Razer carece de experiencia vendendo produtos deste tipo. Tamén cómpre lembrar que o uso deste tipo de máscara estaría prohibido en moitos territorios como a nosa comunidade autónoma, por tratarse basicamente dunha máscara con válvula.

A máscara de Razer encaixaría coa liña estética que perseguen moitos xogadores

Vídeo de presentación do proxecto Hazel

PUBLICIDADE