Realme presenta o seu primeiro smartwatch

luns, 25 de maio do 2020 Marcus Fernández

A marca chinesa Realme está a entrar con forza no mercado da gama media e económica de smartphones, e aproveita a ocasión para comercializar outros accesorios, resultando bastante atractivo o seu primeiro smartwatch, o Realme Watch, que cunha pantalla táctil de 1,4 polgadas con resolución de 320 x 320 píxeles, resistencia IP68 e unha autonomía de entre 7 e 9 días de uso normal, pode converterse nunha boa alternativa a moitas smart bands, pero cun deseño que lembra ao Apple Watch. O trebello sae inicialmente á venda na India por 3.999 rupias (48 euros), o que permitiralle competir con produtos semellantes como os reloxos de Amazfit.
O Realme Watch ten esferas personalizables, permite monitorizar o ritmo cardíaco e o nivel de osíxeno en sangue, conta con 14 modos deportivos, serve para controlar a reprodución musical e a cámara e tamén permite recibir notificacións do móbil (para poder saber da chegada de mensaxes, chamadas ou outra información importante sen ter que coller o teléfono).
Sairá á venda o 5 de xuño na India, descoñecéndose o que tardará en chegar aos mercados europeos nos que Realme ten presenza, aínda que confíase en que chegue no mes de xuño, xa que estamos ante un produto que pode ter boas vendas de cara ao verán.

ACTUALIZACIÓN (26-5-2020): O reloxo poderase reservar en España por 49,99 euros a partir do 16 de xuño, chegando ás tendas o 23 de xuño a un prezo oficial de 54,99 euros.

O Realme Watch é un reloxo deportivo con funcións de monitor de actividade que aposta por unha pantalla cadrada e ten un prezo moi axustado

PUBLICIDADE