Realme presenta o smartphone 5G máis económico do mercado

mércores, 12 de maio do 2021 Marcus Fernández

Realme presentou hoxe os que están chamados a ser os seus móbiles supervendas dos vindeiros meses, por ter un prezo moi axustado e grandes prestacións. Por unha banda puxo á venda o Realme 8, un smartphone que entre hoxe e mañá pode adquirirse por 179 euros na súa versión con 64 GB de almacenamento, pasando logo a un prezo de 199 euros. E para os que queren subir xa ao carro da 5G ofrece o Realme 8 5G a un prezo de 179 euros os días 18 e 19 de maio, pasando logo a custar 199 euros. Deste xeito os consumidores poden escoller se prefiren gozar xa da 5G ou prescindir desta conectividade para gozar dun móbil con mellores prestacións.
O Realme 8 é un móbil bastante completo, cun procesador MediaTek Helio G95, pantalla AMOLED de 6,4 polgadas con lector de impresións dixitais integrado, cámara traseira cuádrupla con sensor principal de 64 Mpíxeles e unha xenerosa batería de 5.000 mAh con carga rápida de 30 watts, o que non impide que conteña o seu peso en 177 gramos e o seu grosor en 7,99 milímetros. Estamos ante un terminal que agradecerán especialmente os que queiran apostar pola cámara (inclúe curiosas funcións fotográficas e tamén permite gravar vídeo en 4K).
En contraste, o Realme 8 5G opta por un procesador MediaTek Dimensity 700 (que é o que permite a conectividade 5G á vez que contén o consumo enerxético para que tal prestación non sexa un lastre), a súa pantalla de 6,5 polgadas non é AMOLED pero ofrece unha velocidade de refresco de 90 Hz (mentres que o lector de impresións dixitais pasa a estar nun lateral), a cámara traseira limítase a un sensor principal de 48 Mpíxeles (e a gravación de vídeo a Full HD), a batería de 5.000 mAh ten carga de 18 watts e o grosor é de 8,5 milímetros mentres que o peso queda en 185 gramos.
Ou sexa, que a cambio de introducir a conectividade 5G pérdense pequenos detalles en pantalla, cámara e velocidade de carga.
Decidir entre un smartphone ou outro depende basicamente da importancia que lle deamos á 5G, para o que inflúe considerablemente onde vivamos e a frecuencia coa que mudemos de teléfono. Pero cómpre salientar que coa oferta de lanzamento o Realme 8 5G sería o móbil con 5G máis económico que podemos atopar en tendas.

PUBLICIDADE