Red Dead Redemption 2 non sairá á venda até 2018

martes, 23 de maio do 2017 Marcus Fernández

Dende Rockstar Games téñennos afeitos a grandes superproducións que conseguen manterse líderes de vendas incluso anos despois do seu lanzamento (como demostrou nos últimos meses colocando na primeira posición nas listaxes de vendas en España ao xogo Grand Theft Auto V), de aí que o anuncio de que no outono de 2017 teriamos o xogo Red Dead Redemption 2 crease moita expectación, pero finalmente haberá que calmar os ánimos, pois o xogo adiarase uns meses.
Para poder manter o alto nivel de calidade que busca Rockstar, Red Dead Redemption 2 fixa a súa data de lanzamento na primavera de 2018 nas súas versións para PlayStation 4 e Xbox One (polo momento non dan detalles da versión para PC), o que supón perder a campaña de Nadal, algo que curiosamente apenas ten impacto neste tipo de xogos, que conseguen acumular millóns de unidades vendidas grazas a que garanten un acabado excelente e moitas horas de diversión.
Rockstar é unha desas empresas que prefire non comercializar os seus produtos até que están listos, evitando así os problemas de ter que lanzar parches constantes tardando semanas en conseguir que o xogo funcione correctamente (o que, por exemplo, foi un dos motivos que levou á decadencia da franquía de Assassin’s Creed) e dado que nos vindeiros meses sairá á venda a nova consola Xbox One (alcumada polo momento Project Scorpio) resulta evidente que os responsables deste western queren que a súa produción luza o mellor posible nas novas máquinas conectadas a pantallas de ultra alta definición.

PUBLICIDADE