Red Dead Redemption podería chegar aos 5 millóns de copias vendidas este ano

luns, 7 de xuño do 2010 Marcus Fernández

O xogo de Rockstar Games Red Dead Redemption non só está a acumular grandes críticas, senón que as fortes vendas parecen acompañalo, pero os analistas estiman que deberán manter este pulo durante varios meses para compensar os máis de 70 millóns de dólares que tería custado esta produción, de xeito que non daría beneficios ata superar os 4 millóns de copias vendidas.
Na actualidade o xogo podería ter superado os 2 millóns de unidades no mercado, e en moitas tendas de distintos países estaría esgotado, de xeito que estaría xa a avanzar cara os 3 millóns de copias en circulación para atender a demanda deste título. Pero non só estiman que vai superar os 3 millóns de copias en xullo, senón que agardan que a finais de ano teñan acumulado entre 4 e 5 millóns de unidades vendidas, polo que non estariamos ante un produto tan rendible coma un GTA, pero cuns resultados igualmente espectaculares, que dan a entender que non é preciso lanzar unha secuela para funcionar ben economicamente.
ACTUALIZACIÓN (9-6-2010): O estudo responsable do xogo confirmou que xa superaron os 5 millóns de unidades, polo que parece que o xogo finalmente vai ser moi rendible, compensando con creces o esforzo que supuxo o seu desenvolvemento.

PUBLICIDADE