Resident Evil 5 chega a Xbox One e PlayStation 4

martes, 28 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Rematou a espera para os seareiros dunha das sagas máis senlleiras de Capcom, e por fin pode adquirirse o xogo Resident Evil 5 na súa versión remasterizada para Xbox One e PlayStation 4, que chega a prezo reducido (19,99 euros) e cuns gráficos mellorados (de xeito que temos garantida a resolución Full HD a unha taxa de fotogramas máis elevada que na anterior xeración de consolas).
Como incentivo para a compra desta versión renovada do que xa é un clásico moderno, o xogo inclúe todos os contidos descargables para o título orixinal (como as expansións de historia, o modo Versus, figuras extra e 4 traxes) e incluso estrea un novo modo de xogo, Mercenarios unidos, que vén a ser unha combinación dos modos Los mercenarios e La reunión de los mercenarios, creando unha experiencia aínda máis intensa.
Este xogo permite até 2 xogadores en modo local e até 4 xogadores en liña (sendo preciso de ter unha subscrición Gold a Xbox LIVE ou PlayStation Plus para poder gozar dos modos en liña).

PUBLICIDADE