Resident Evil 6 terá edición para coleccionistas en Europa

luns, 25 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Quen reserve o xogo antes do seu lanzamento recibirá sen custo adicional a súa versión con caixa metálica

Capcom anunciou hoxe que o xogo Resident Evil 6 vai contar cunha edición para coleccionistas en Europa, que xa pode reservarse en certas cadeas de distribución de Reino Unido, Francia e Alemaña, e que en breve poderase tamén encargar en España, Italia e Australia.
A edición para coleccionistas europea de Resident Evil 6 incluirá o xogo para Xbox 360 ou PlayStation 3 que sairá á venda o 2 de outubro, unha carcasa de aceiro para o xogo que leva por nome zombie steel book, un libro de ilustracións do xogo en tapa dura, un código de descarga dun tema dinámico do xogo, unha sudadeira con capucha da Ivy University de Tall Oaks e emblemas das forzas de Resident Evil 6: insignias de equipo dos 3 protagonistas do xogo (Leon, Chris e Jake) feitas en aliaxe de cinc esmaltado de alta calidade e presentas nun marco numerado coa sinatura dos produtores e o director do xogo. Estes extras do xogo virán empaquetados nunha caixa para coleccionistas coa aparencia dunha bomba de xiringas como a que pode verse no trailer do xogo.
Aparte desta edición (que tería un prezo de 149,99 euros), tamén será posible reservar o xogo recibindo a edición con caixa de aceiro que vén incluída na mesma, pero sen custo adicional, o que enténdese como unha recompensa para os compradores máis fieis.

A edición para coleccionistas de Resident Evil 6 incluirá numerosos extras

PUBLICIDADE