Resident Evil: The Mercenaries 3D sairá o 1 de xuño

xoves, 19 de maio do 2011 Marcus Fernández

Entre a prensa especializada existía certo consenso en que Super Street Fighter IV 3D Edition era o mellor título de lanzamento para a Nintendo 3DS, polo que agora non serán poucos os que esperen impacientes o novo título de Capcom para a nova portátil de Nintendo, Resident Evil: The Mercenaries 3D, que finalmente chegará a Europa o 1 de xuño, encargándose Nintendo da súa distribución.
Este xogo está inspirado no modo Mercenarios que podía desbloquearse en Resident Evil 4 e 5, polo que os usuarios de consolas domésticas estarán familiarizados co novo título sen telo probado, aínda que hai certos elementos que puidemos comprobar nunha versión de proba que marcan a diferenza: ao utilizar a pantalla 3D da portátil é doado somerxerse no xogo, e é preciso familiarizarse a sistema de control do xogo (no que empregamos a stylus para apuntar as nosas armas). A aceptación deste título podería marcar o futuro dos FPS en 3DS.
Nos últimos días tamén se confirmou que o veterano Barry Burton (de Resident Evil e Resident Evil 3) tamén aparecerá nesta nova entrega, como moitos outros personaxes que agradecerán os máis fieis seguidores da franquía.

Barry Burton tamén aparece no novo xogo de 3DS

PUBLICIDADE