Resident Evil Village fixa o seu lanzamento o 7 de maio

xoves, 21 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O xogo Resident Evil 7: Biohazard terá unha secuela directa o vindeiro 7 de maio, segundo veñen de anunciar no Resident Evil Showcase, onde tamén confirmaron que Village terá versión para PC, PS4, PS5, Xbox One e Xbox Series X|S, coa vantaxe de que os que adquiran o título para consolas da anterior xeración poderán gozar do xogo nas novas consolas.

Village chegará en varias versións que xa poden reservarse en varias tendas físicas e dixitais, destacando o feito de que a versión para PlayStation 5 conta xa con Maiden, unha demo visual, que non permitirá gozar do xogo no rol do seu protagonista, Ethan Winders, senón que permitirá que o xogador se introduza na pel da doncela¸ quen terá que fuxir do castelo Dimitrescu sen loitar nin bloquear ataques, o que supón unha experiencia independente do xogo principal, na que poderemos coñecer unha breve historia ambientada no mundo de Village, así como explorar o castelo no que terá a acción do xogo principal, aínda que nunha época diferente.

Re:Verse

Capcom tamén deu a coñecer Resident Evil Re:Verse, un novo título multixogador que permitirá manexar aos personaxes máis representativos do universo de Resident Evil, que poderán enfrontarse en grupos de entre 4 e 6 xogadores.
Para conseguir unha experiencia frenética, os enfrontamento en Re:Verse durarán uns 5 minutos, e como detalle diferencial temos que cada vez que o noso personaxe morra, converterase nun zombi, podendo vingarse de quen o sacou da partida.
Este xogo estará dispoñible para Xbox One, PS4 e PC (Steam) e será retrocompatible coas novas consolas. Os usuarios que adquiran Village poderán gozar deste título de balde, pois Capcom enténdeo como un xeito de celebrar os 25 anos de Resident Evil.

Vídeo do Resident Evil Showcase

PUBLICIDADE