Revistas británicas en liña incitan ás nenas a obsesionarse coa súa imaxe
mércores, 19 de setembro do 2007
Varios dos sitios web das revistas femininas que
apuntan as adolescentes e pre-adolescentes británicas están a verse envolvidos
en certa controversia, xa que segundo o publicado polo xornal anglosaxón The Guardian,
estas páxinas están a empregar as tácticas das “revistas para homes”, as cales basicamente incitarían ás rapazas a
comezar a preocuparse polo seu aspecto e por o efecto do mesmo no intre do ligoteo a idades cada vez máis temperás.
O factor que disparou as alarmas foi a posibilidade de que as menores (no
artigo cítase que algunhas terían apenas 10 anos) suban as súas fotografías á Rede
para logo seren cualificadas por outras visitantes e, á súa vez, ofrecer as
súas cualificacions para determinadas partes dos seus corpos incluíndo as
pernas, cadeiras e os peitos, entre outras.
Nos sitios devanditos (noméanse as revistas
Mizz, Bliss, FHM e Nuts, sendo as dúas últimas de características semellantes
pero para homes), tamén soen incluírse enquisas para que as lectoras puntúen a
rapaces segundo as fotos que aparecen penduradas, que nun deses sitios figuran
no apartado “lush lads” , algo así
coma “rapaces luxuriosos”. Dende a
redacción do xornal británico enfatizan o feito de que as ditas revistas apuntan
a un segmento de mercado adolescente que parte de nenas de apenas dez anos.
Por outra banda, o artigo en cuestión engade
que nunha recente reunión do grupo Women
in Journalism (mulleres no xornalismo) abordouse esta problemática, a cal
tivo a súa xénese nas revistas de adolescentes tradicionais, responsables para
as participantes da importancia sen conto que as rapazas dan á sexualidade e á beleza,
factor reforzado mediante a posibilidade de publicar fotos e opinións nas súas
webs.
Por último, o informe asegura que nun estudo no
que participaron 3.000 rapazas do Reino Unido, máis da metade consideraba que
os medios de comunicación contribúen a facelas pensar que seren “delgadas e atractivas” é o máis
importante para elas e un 95 por cento dicía que tanto Kate Moss coma Victoria
Beckham son os modelos de beleza a seguir.