Ricoh presenta unha nova cámara de aventura

xoves, 6 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Para os máis aventureiros chega unha nova cámara dixital da man de Ricoh, a WG-4, que conta cun deseño reforzado para aguantar a dureza das actividades ao aire libre e un novo sistema modular de montaxe (que permiten que os aventureiros poidan realizar gravacións sen ocupar as súas mans), buscando levar a usabilidade e flexibilidade a un novo nivel.
A Ricoh WG-4 é unha cámara cun sensor CMOS de 16 Mpíxeles, cun zoom óptico de 4x, sistema de estabilización de imaxe, apertura F 2.0, pantalla LCD de 3 polgadas anti-reflectante, somerxible ata a 14 metros de profundidade, resistente ao po, a golpes, ao frío e ao esmagamento (é capaz de soportar ata 100 quilos de peso), grava vídeo Full HD, conta con modo de disparo que permite personalizar a velocidade de obturación e incluso conta co 6 luces LED para empregar en tomas macro. Un auténtico complemento todo-terreo para deportes de risco, excursións e actividades baixo duras condicións meteorolóxicas que queiramos rexistrar graficamente.
A nova cámara sairá á venda o mes que vén nos EE.UU. a un prezo de 329,95 euros no seu modelo básico, e de 379,95 dólares para o modelo que inclúe tamén GPS. Adicionalmente tamén poranse á venda un soporte para a cámara ao que conectar unha serie de accesorios que permiten colocalo mediante adhesivo, cunha ventosa (por exemplo, para colocar a cámara no interior dun automóbil) ou para suxeitalo nunha barra.

PUBLICIDADE