Rimax Alum TVIX: un disco duro externo que funciona coma Media Center

venres, 3 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A multitude de ficheiros que se poden achegar da Internet e doutras fontes crearon a necesidade de ordenadores Media Center para a reprodución multimedia no salón da casa, pero normalmente son un sistema dun prezo pouco axeitado só para a visualización de vídeos. Así, naceron un dispositivos a medio camiño, que son os discos duros externos que tamén funcionan coma reprodutores multimedia.
Destacamos nesta ocasión o Rimax Alum TVIX, que se comercializa en tamaños de entre 80 e 300 Gb e o modelo superior non chega ós 200 euros, polo que pode ser unha interesante opción que só precisa de conectarse ó ordenador mediante un porto USB para a carga de contidos (películas, música e imaxes) para poder velos posteriormente no televisor.
O sistema reproduce os sistemas máis habituais no mercado (DivX, Xvid, MPEG-1, MPEG-2, MP3 e JPEG), pero tamén destaca por integrar un lector de tarxetas Flash (SD, MS, XD, MMC, CF, SM e MD) polo que se pode empregar tanto para reproducir o que descarguemos da Internet como para ver as fotografías que tomemos dende a nosa cámara dixital.
Pero non só se pode empregar para a reprodución de películas, senón que tamén ten unha calidade aceptable como reprodutor musical, incorporando para tal fin tanto saída composta como óptica dixital.
Unha solución moi interesante para os que queiran reproducir contidos audiovisuais de usar e tirar, polo que non precisan de gardar centos de discos ópticos con todo o material que se descarga da Rede.

PUBLICIDADE