Rimax estrea gafas multimedia

mércores, 23 de maio do 2007 Marcus Fernández

A vindeira semana poranse á venda en España as gafas multimedia Rimax Ivision 5.0, que permiten simular a sensación de ver unha pantalla de 48 polgadas a 2 metros de distancia para o que emprega unha mini-pantalla cunha resolución de 640 x 480 píxeles que se complementa cuns auriculares stereo. Só pesan 84 gramos e teñen unha autonomía de 2 horas e media.
As gafas son compatibles cos sistemas PAL e NTSC e se poden conectar a case calquera sistema de vídeo, o que inclúe consolas de videoxogos. No caso de xogar cun PC, as gafas tamén poderás sacar proveito da tecnoloxía TrakIR, de xeito que ó mover a cabeza o ordenador terá referencia sobre a posición para amosar os seus gráficos cun maior realismo, creando unha maior sensación de inmersión en xogos de condución ou simuladores de voo.
As Rimax Ivision 5.0 non destacan polas súas altas prestacións, pero o seu prezo é outro cantar, xa que só custan 299 euros, polo que poden ser unha boa alternativa para o lecer electrónico persoal, ou sexa, para complementar reprodutores multimedia e consolas de videoxogos para uso individual.

PUBLICIDADE