RoboCop volve ao mundo dos videoxogos cun título free-to-play

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

A finais dos anos 80 o filme RoboCop chegou acompañado por un excelente videoxogo de acción que causou furor en máquinas recreativas e practicamente todas as plataformas domésticas (sendo un dos xogos máis vendidos de todos os tempos para o ZX Spectrum) e co gallo do remake do da película de Paul Verhoeven que chegará aos cines o 14 de febreiro estréase na App Store a súa adaptación ao videoxogo, moito máis modesta que a adaptación de 1988, pero coa vantaxe de ser moi accesible por chegar baixo a fórmula do free-to-play.
O novo xogo de RoboCop é un shooter en terceira persoal con coberturas, que contrólase de xeito táctil empregando unha parte da pantalla para mudar o ángulo de visión e a outra metade para fixar o punto de mira para abater aos numerosos inimigos que irán xurdindo en diferentes misións, á vez que podemos empregar a axuda de drones para rematar con grandes vagas de inimigos. No xogo haberá que eliminar aos inimigos, para o que será preciso escanear os obxectivos con visión térmica para localizar a súa posición ou para atopar os seus puntos débiles (no caso dos grandes robots aos que haberá que facer fronte), tendo tamén que xestionar o uso de botiquíns para recuperar vida e podendo mellorar a o traxe robótico e as armas para poder avanzar a bo ritmo no xogo (fórmula adoptada habitualmente nos títulos free-to-play para sacar rendemento económico dos xogadores máis impacientes).
RoboCop - The Official Game está xa dispoñible para iOS, estando prevista a súa versión para Android para o vindeiro día 15.


Trailer do novo xogo de RoboCop

PUBLICIDADE