Rock Band para Xbox 360 chega a Europa cunha nefasta política de prezos

venres, 23 de maio do 2008 Marcus Fernández

O agardado xogo Rock Band chega hoxe a Europa na súa versión de Xbox 360, pero aínda non coñecemos as condicións excactas nas que se vende en España, pois parece que noutros países presenta uns prezos moi dispares, pois en Francia e Alemaña o xogo solto ten un prezo de entre 64,90 e 69,85 euros, vendéndose os seus instrumentos (micrófono, guitarra e batería) por uns 169,99 euros, polo que o prezo total resulta moi elevado (uns 235 euros), mentres que no Reino Unido varias páxinas web ofrecen o xogo con descontos importantes, de xeito que se vende solto por 39,99 libras (55,99 euros) e cos instrumentos custa só 99,99 libras (139,99 euros), o que podería levar a moitos usuarios a facerse co xogo en territorio británico (aínda que poucas tendas aceptan vender ao estranxeiro este tipo de produtos).
Todo apunta a que Electronic Arts está a abrir unha polémica innecesaria polo prezo do xogo en Europa, xa que resulta moito máis caro que nos EE.UU. (onde custa 169,99 dólares, ao cambio, 107,68 euros) e parece difícil de xustificar que en Reino Unido o prezo sexa inferior noutros países do contorno. Isto, xunto co feito de que as versións para PS2, PS3 e Wii non sairán ata o verán están a crear unha mala imaxe para un título que tiña moitas bazas para facer sombra á saga de Guitar Hero, polo que algúns xogadores poderían optar a agardar a que chegue Guitar Hero World Tour ante a discriminación á que somete EA aos europeos.

PUBLICIDADE